Thursday 25 de April de 2024

Os alcaldes de Ames e Brión traballarán na creación dun punto limpo conxunto que dea servizo á veciñanza de ambos municipios


Blas García e Pablo Lago estudan facer un convenio para que os veciños e veciñas de Brión poidan acudir ao punto limpo do Milladoiro ata que se poña en marcha a nova instalación

O alcalde de Ames, Blas García, e o rexedor de Brión, Pablo Lago, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo na que abordaron diferentes asuntos de interese para os veciños e veciñas de ambos municipios. Entre os proxectos debatidos inclúese a creación dun punto limpo conxunto, a posta en marcha de proxectos turísticos vinculados ao río Tambre, buscar unha solución ao parque comarcal de bombeiros e continuar colaborando nos obradoiros de emprego e na xestión do abastecemento de augas.

Blas García fixo unha valoración moi positiva deste encontro xa que “Brión e Ames somos dous concellos que temos unha mobilidade entre nós moi importante, ademais coincidimos en que tanto Pablo coma eu somos alcaldes novatos”. Unha boa sintonía que confirmou o alcalde brionés, quen lembrou que “Brión e Ames son dous municipios que levamos moitos anos colaborando e a nosa máxima é seguir facéndoo para poder darlles máis e mellores servizos aos nosos veciños e veciñas, que é para o que estamos aquí”.

Así, o alcalde de Brión trasladoulle ao seu homólogo de Ames a posibilidade de crear un punto limpo compartido entre ambos municipios. “A nós parécenos moi interesante. Sería unha instalación que daría servizo tanto ao Concello de Brión como á nosa parte de Bertamiráns e das zonas máis próximas a Tapia”, explicou Blas García, quen ademais adiantou que “como estamos estes días co tema da limpeza viaria e o punto limpo, unha vez que estea adxudicado o servizo veremos a posibilidade de facer un convenio para que os veciños e veciñas de Brión que o necesiten poidan utilizar o punto limpo do Milladoiro mentres non exista este punto limpo no que imos traballar agora”.

Pablo Lago agradeceu a disposición do alcalde de Ames xa que “aínda que temos gran parte das necesidades cubertas co servizo da Mancomunidade do Barbanza, sabemos que hai moitos veciños e veciñas que demandan a existencia deste servizo”.

Río Tambre

Ambos alcaldes trataron tamén sobre a posta en marcha de proxectos turísticos vinculados ao río Tambre e máis aló de Ames e de Brión. “Sería coller a todos os concellos polos que discorre o río Tambre e facer unha proposta de turismo ecosostible. Coa pandemia comprobamos que á xente lle gusta este tipo de turismo próximo, tranquilo e de natureza”, apuntou o alcalde de Ames.

Por outra banda, Pablo Lago confirmou que na xornada de onte o Pleno Municipal aprobou por unanimidade a creación da Mancomunidade dos Concellos de Ames e Brión para a xestión da depuradora. Unha cuestión que será levada ao próximo pleno municipal ordinario de Ames. Así mesmo, o alcalde brionés puxo en valor a colaboración entre ambos municipio coa organización dos obradoiros e programas integrais de formación, pois “están a dar moi bo resultado e axudan a moitos veciños e veciñas que están no paro a atopar un traballo”.

Finalmente, o alcalde de Ames explicou polo miúdo as reunións mantidas co Concello de Santiago sobre o parque de bombeiros comarcal. Blas García, que tamén é deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias, sinalou que “o máis factible, máis beneficioso para todos e máis rápido é facer pivotar o parque comarcal sobre o parque de bombeiros de Santiago, con acordos coa Xunta e dos traballadores do parque”. Por iso, incidiu na necesidade de manter unha xuntanza o máis axiña posible na que participen representantes da Xunta de Galicia, do Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña, da Deputación da Coruña, e dos concellos limítrofes que precisan deste servizo para desbloquear este asunto dunha vez por todas.